CASTROS Apareceron vestixios de cultura castrexa en varios puntos do municipio. A tradición popular atribúe aos “mouros” a construcción dos castros, xa que segundo a lenda tiñan forza sobrehumana. Dise que cando abandonaron Galicia deixaron os castros encantados e multitude de riquezas escondidas neles. Son 14 os asentamentos castrexos “censados” dos que destacamos aqueles que manteñen vivas as lendas máis fermosas:
-CASTRO DE GUÍTARAA 6 quilómetros de Ferreira, no Monte Sampaio, parroquia de Eiré. As súas defensas son un foxo e un contrafoxo. Unha das lendas máis curiosas que rodean a este castro conta que se comunicaba co de Santa Mariña mediante un camiño subterráneo, e que os dous estaban unidos baixo terra por unha cadea de ouro; a cadea era tan fina nalgúns tramos que os carros rozábana ao pasar. Outra lenda sinala que un veciño de Eiré, axudado por un libro, guiou a un grupo de veciños ata o castro; alí realizaron escavacións, e mentres uns facían o traballo, outros lían o libro e rezaban para espantar os demos.
-CASTRO DE FERREIRA De forma circular, as súas defensas desapareceron en varios puntos ao levantarse muros para fincas nas súas ladeiras. A lenda fala de que alí se atopaba enterrado un valioso tesouro, matizando que os “mouros” acudían frecuentemente ás feiras da localidade.
-CASTRO DE CASTILLÓN É o que máis deu que falar. Os máis vellos do lugar contan que algúns antepasados aseguraban ter visto a roupa dos “mouros” secar ó sol. Incluso que chegaron a roubar a unha veciña da parroquia “un porco ben cebado”. Eran numerosas as riquezas deste castro, que terían sido traídas de Guítara polos “mouros”, carretadas aos lombos de camelos durante máis dun mes.
-CASTRO DE CASTELO DE MARCE Na parroquia de Vilar de Ortelle. Segundo versións dos veciños era todo de pedra, e tiña uns muros tan anchos e robustos que sobre eles xiraban os carros comodamente. Coñécense lendas moi orixinais sobre este castro: un veciño de Marce, que pescaba na beira do río, viu a unha “xacia” (ser mitolóxico acuático, con forma humana, que habitaba en pozos e ríos) moi fermosa, e tras bautizala e desencantala, contraeu nupcias con ela. Os fillos do matrimonio, como non podía ser doutro xeito, saíron moi afeccionados a bañarse no río. Aínda a principios do século XX, os veciños sinalaban que unha familia alí residente eran os herdeiros da híbrida parella.
-CASTRO DE ESPASANTES (VILAXILDE) A tradición popular asegura que a través dunha cova que se prolonga varios quilómetros terra dentro, os “mouros” raptaron a unha princesa que vivía en Ribadavia; o seu pai buscouna desesperadamente e, cando soubo do paradoiro, rodeou cos seus soldados o castro. Cando se acercaban, viron que o monte comezaba a arder, e así continuou durante varios días. Os asaltantes non puideron descubrir ningún rastro humano.
MÁMOAS Os restos máis importantes apareceron nos castros de Vilar, de Ortelle e Guítara. Estas mámoas localízanse no Monte da Morá e no Monte Sampaio. Lamentablemente, estes sepulcros prehistóricos da época foron saqueados ao longo de varias xeracións, ata quedar practicamente arrasados.
Restos Romanos:
VESTIXIOS ROMANOS Na parroquia de Castillón apareceron restos da dominación romana, concretamente cerámica e moedas. Tamén partes dun hipocausto, habitación que se caldeaba por medio de canles subterráneas. Probablemente pertenceu a unha vila romana, se cadra un centro de explotación agraria, frecuentes nas zonas rurais da Hispania romana baixo-imperial. Tamén neste xacemento apareceron aras votivas e lápidas funerarias. Unha destas coa seguinte inscripción: “ A los dioses manes de Valeria Florina, de ventitrés años, esposa muy piadosa de Pompeyo Lúpulo”.En Atán, un veciño descubriu un ara romana que se deu a coñecer en 1990. No anverso, dúas figuras humanas sedentes, home e muller, decapitados polo paso do tempo. No reverso, escena de caza que se relaciona claramente coa iconografía romana.